Faro de Vigo, 5 de decembro de 1977. Xornada pola autonomía do 4 de decembro de 1977. Nese día saíron ás rúas das grandes cidades de Galicia arredor de medio millón de galegas e galegos esixindo a autonomía fronte á demora do Goberno do Estado en iniciar o proceso estatutario. A manifestación de Vigo foi a máis numerosa, e nela participaron unhas duascentas mil persoas. As mobilizacións contaron co apoio da maioría das forzas políticas galegas, con excepción do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), que se decantaba pola autodeterminación. A xornada supuxo un importante acontecemento na reafirmación da identidade galega. Sin.: Fondo FDM.
Grial. Revista Galega de Cultura. 1963. Editada ata a actualidade por Editorial Galaxia. De carácter trimestral, é un dos referentes máis importantes e de maior prestixio do ámbito editorial da cultura galega, con notable presenza en prestixiosas universidades de fóra de Galicia. Sin.: REV-GAL SL-R-3.
Galicia. Diario de Vigo: 1922-1926. Xornal de tendencia galeguista que se publicou en Vigo entre o 25 de xullo de 1922 e o 15 de setembro de 1926. O seu promotor foi Ernesto Cádiz Vargas, cónsul honorario de Chile na Coruña, que ofreceu o posto de xefe de redacción a Valentín Paz-Andrade a través de José García Acuña e Antón Villar Ponte. Entre os seus colaboradores máis asiduos estiveron Castelao, Antón Losada Diéguez, Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Roberto Blanco Torres. Converteuse nun modelo para a prensa galega, con características avanzadas para a súa época. Sin.: Planeiro 1/016.