Industrias Pesqueras 305 e 306. Edición extraordinaria. 15 de xaneiro de 1940. Francisco Fernández del Riego empezou a escribir nesta revista cando veu para Vigo, acollido no despacho de Valentín Paz-Andrade, no ano 1939. Na páxina 45, que mostramos, aparece unha colaboración súa ilustrada cunha caricatura feita polo seu amigo Carlos Maside, debaixo da cal figura o seu nome. Sin.: RG-75
A Monteira. Semanario de Intreses Rexionales e Literatura. 1889-1890. Lugo: Tip. de G. Castro. Primeiro semanario publicado en Lugo en 1889 integramente en galego. Os fundadores foron Amador Montenegro Saavedra, de pensamento rexionalista, e o seu amigo, o avogado Manuel Pardo Becerra. No editorial do primeiro número faise unha defensa do idioma galego, liña que seguirá sempre a revista. Sin.: RG-70 R.148.
Vida Gallega. Ilustración Regional. 1909. Vigo. Revista gráfica fundada e dirixida por Jaime Solá en Vigo. O primeiro número saíu en xaneiro de 1909, con portada de Castelao, e o último en 1938. Nunha segunda época, publicouse entre 1954 e 1963.
Boletín de la Real Academia Gallega 1. A Coruña. 1906. O Boletín da Real Academia Galega (BRAG) é unha publicación anual editada desde 1906. A partir do ano 2000 está redactado enteiramente en lingua galega. Recolle traballos de investigación centrados en distintos aspectos da lingua, a cultura e a literatura galegas, e mais outros contributos arredor da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Sin.: SL-R-4B R.3.