Diccionario enciclopédico gallego-castellano, de Eladio Rodríguez González. 1958-1961. Vigo: Editorial Galaxia. Notas manuscritas correspondentes á letra N. Nos fondos da Fundación Penzol consérvanse os manuscritos de todo o abecedario. Publicado grazas á iniciativa e patrocinio da Casa de Galicia de Caracas —por acordo da súa Xunta Directiva de 28 de outubro de 1956—, publicouno Editorial Galaxia, en tres tomos, nos anos 1958, 1960 e 1961. Sin.: 15/67 (2 volumes) e CA-198.
Orixinal completo da obra teatral O Mariscal. 1920. Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas. Dous tomos, un deles manuscrito e o segundo mecanografado con data anotada de 23 de abril de 1920. Referida á vida do mariscal Pardo de Cela. Publicación en Nós no suplemento número 8, en 1929. Sin.: CA-0536/005/001 e C-486/21.
“Nova orientación do galeguismo”, de Ramón Piñeiro López [1965?]. Neste documento, Piñeiro presenta as novas estratexias para a acción do galeguismo que defendía o grupo nucleado arredor de Galaxia. Dende o punto de vista histórico, trátase de aceptar a irreversibilidade da Guerra Civil, que deixaba asentado un réxime persoal, que daquela xa se presumía que duraría tanto como o ditador. A acción política deixa paso á “resistencia cultural”. Sin.: CA-315/6(5).
Textos e notas para O río do tempo. Unha historia vivida, de Francisco Fernández del Riego. 1990. Sada: Edicións do Castro. O mecanoscrito é unha versión incompleta da obra. Contamos con outra en fotocopia e con notas autógrafas. Autobiografía que nos permite coñecer os acontecementos do galeguismo na etapa coincidente coa súa vida, que inclúe o golpe de estado de 1936 e a Guerra Civil. Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 7-I-1913 / Vigo, 26-XI-2010) foi unha figura de especial relevancia na Galicia contemporánea e xogou un papel moi importante na recuperación da cultura galega a través de Galaxia, xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Isla. FR-CA-171/004; 30/81.
A sombra ergueita, de María del Carmen Kruckenberg Sanxurxo. 1976. Vigo: edición da autora. Manuscrito do orixinal e debuxo para a cuberta de Laxeiro, amigo da poeta. María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926-2015), recoñecida escritora, muller adiantada ao seu tempo, cosmopolita, de gran cultura e claro compromiso feminista, como se amosa na súa abondosa obra poética. Dende 2015 consérvase na Fundación Penzol o seu material de arquivo por iniciativa e desexo da propia autora. Sin.: LIB-GAL 28/60 # CA-0393/005.