Revista de Economía de Galicia. 1958-1968. Vigo: Galaxia, Publicáronse 66 números desta revista dirixida por Xaime Isla Couto. A partir de 1963 incorpórase como subdirector Xosé Manuel Beiras. Promovida pola Editorial Galaxia, declara, na súa presentación: “A nosa publicación non pretende ser unha revista económica máis, como calquera das que veñen editándose xa en España. Proponse ser, pola contra, a que Galicia precisa, en función dos seus problemas xenuínos e das súas peculiares características sociais e humanas”. Sin.: RG-83.
Galicia Emigrante. 1954-1959. Buenos Aires. Unha das revistas máis importantes da emigración e do exilio americano. Estaba profusamente ilustrada e con portadas con debuxos de Luís Seoane, o que lle daba un carácter homoxéneo á colección. O propio Seoane era o director, ademais de debuxante, autor dos editoriais, dalgunha sección e de notas sen sinatura. Aínda que o castelán era maioritario, o galego aparece nos artigos de carácter literario. Sin.: RG-123.
A Nosa Terra. Boletín Decenal. Idearium da Irmandade da Fala en Galicia e nas colonias galegas d’América e de Portugal. 1916. A Coruña. Voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista. Ao primeiro director, Xosé Iglesias Roura, seguiu Antón Villar Ponte. Na súa etapa pontevedresa, Víctor Casas foi quen se encargou da publicación. Sin.: RG-49; RG-71 (1).