Investigaciones sobre la fundación y fábrica de la torre llamada de Hércules…, de Joseph Cornide. 1792. Madrid: Oficina de don Benito Cano. As obras de Cornide, redactadas con mesura e amplos coñecementos de historia erudita, convérteno no historiador máis serio de Galicia no século XVIII. Neste extraordinario traballo defende a orixe romana da Torre de Hércules, como os estudos modernos confirmaron. Sin.: 1/3.
Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. 1863. Vigo: Imprenta de Juan Compañel. Obra fundacional do Rexurdimento, foi un dos primeiros libros desta etapa escrito integramente en galego grazas ao afán de Manuel Murguía, quen albiscou nel unha canle especialmente axeitada para espallar o sentimento galeguista. No prólogo, a autora presenta as claves do libro: a conciencia de estar a escribir desde as marxes, froito da súa condición de muller e escritora, de escribir desde unha provincia “homillada” da que España “nunca s’acorda, como non sea pra homillala inda máis”. Sin.: 6/152.
Os rogos dun gallego establecido en Londres, dedicados os seus paysanos para abrirlles os ollos sobre ciertas inorancias, e o demais que verá o curioso lector [Manuel Pardo de Andrade], 1813. A Coruña: Casa Tipográfica del Diario. Aínda que se publicou anónimo, está comprobada a autoría de Manuel Pardo de Andrade. A obra, produto da polémica que se creou con motivo da supresión da Inquisición polas Cortes de Cádiz en 1813, ten un enfoque ideolóxico e propagandístico, de difusión das ideas liberais, sen intención literaria. Romance de 154 cuartetos de pouca valía literaria. É unha das primeiras obras do Rexurdimento. Sin.: C-8/19.
Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez; prólogo de José Ogea. [1880]. Ourense: Imprenta de Antonio Otero. Con esta obra, Curros (Celanova, 1851 - A Habana, 1908) será censurado publicamente polas autoridades eclesiásticas e, sucesivamente, procesado, condenado e absolto polas civís. O libro debe valorarse como o primeiro en galego claramente aliado coa causa dos oprimidos desde unha posición galeguista, progresista e republicana. José Ogea Otero (Cortegada, 1845-1909) foi un político e escritor, membro numerario da Real Academia Galega desde a súa fundación. Sin.: 6/161.